XINCANA LITERARIA CO CLUB MOZO DE CONXO
SANTIAGO DE COMPOSTELA_ 20 DE XUÑO DE 2019
NOME DA ACTIVIDADE
Xogo/xincana literaria. DATA, HORARIOS E LOCALIZACIÓN 20 de xuño, de 20h a 21h30 no barrio de Conxo (Santiago de Compostela). EN QUE CONSISTE A ACTIVIDADE? BREVE DESCRICIÓN DA ACTIVIDADE, SOCIOS LOCAIS Xincana literaria polo barrio de Conxo, con catro probas que xiran arredor de temáticas, xéneros e obras literarias xuvenís. O grande grupo divídese en tres equipos, adminístraselle unha pizarra, un rotulador e unhas normas a cumprir. Cada grupo terá que dispoñer dun teléfono móbil con conexión a internet e unha app de mensaxería instantánea. A misión a acadar é a seguinte: a chave da biblioteca do Centro Cívico está secuestrada. Para conseguir as pistas que axudarán a dar coa ubicación onde se agocha a chave, terán que resolver correctamente os retos e enigmas que se propoñen en cada unha das catro paradas. Cada un dos tres pequenos equipos terá que superar as catro probas das catro paradas de xeito rotatorio. Dinámica do xogo: a comunicación coa “máster” do xogo efectuarase unicamente vía mensaxería instantánea. Unha vez explicadas as normas, e cos equipos xa configurados, envíaselle a cada un dos equipos unha imaxe coa localización a onde se teñen que dirixir. Superada as respectivas primeiras probas de cada un dos equipos (dando resposta aos enigmas e desafíos propostas vía mensaxería instantánea), adminístraselle unha palabra que forma parte da pista xeral para atopar a chave da biblioteca e unha nova imaxe cunha nova localización. A dinámica repítese ata que os tres equipos pasen as catro probas. Probas: 1. “Diverxente”: Nun Chicago postapocalíptico, a sociedade está dividida en faccións con distintos xeitos de ver e comportarse na vida e cun sistema de valores que os fan distinguirse do resto e ter ocupacións e funcións distintas na sociedade:
Vós agora tedes que decidir a que facción queredes pertencer: debatide e chegade a un consenso entre tod@s. Só poderedes abrir a caixa correspondente á vosa facción, para tentar superar a proba de iniciación alí depositada. Cando teñades a decisión tomada, facédenolo saber e enviarémosvos unha pista para abrir a caixa da vosa facción. Só poderedes continuar se superades con éxito a proba de iniciación da facción na que escollestes vivir. E lembrade deixar todo tal cal o atopastes! VERDADE Sodes xente que ama a verdade por riba de todas as cousas? Tedes que desmostralo. Este texto está cheo de mentiras. Mandádenolo correctamente por escrito. Beatrice González, “Beti”, naceu e criouse en Verdade. Ao cumprir os 18 anos non pasou a proba de aptitude e decidiu converterse en Diverxente. Lembrade deixar todo tal cal o atopastes! ERUDICIÓN Sodes xente lista? Tedes que demostralo. Facede que cada xinete estea montado nun burro. As pezas non se poden romper. Cando teñades o quebracabezas listo, facédelle unha foto e enviádenola. Podedes pedir pista, pero con penalizacións. Lembrade deixar todo tal cal o atopastes! CORDIALIDADE Sodes xente afectuosa? Tedes que demostralo. Tedes que buscar a tres persoas diferentes e darlle unha aperta colectiva a cada unha delas. Tirade unha foto por cada aperta e mandádenolas. Lembrade deixar todo tal cal o atopastes! OUSADÍA Sodes xente ousada? Ídelo ter que desmostrar. Subídevos todos os membros do grupo á árbore que teñades máis preto. Retratade o momento e enviádenos a foto. Lembrade deixar todo tal cal o atopastes! ABNEGACIÓN Sodes xente xenerosa? Ídelo ter que demostrar cedéndolle 5 minutos do voso tempo ao resto dos equipos. Lembrade deixar todo tal cal o atopastes! 2. “Por trece razóns”: Trece son as razóns polas que Hannah Baker, unha moza de 16 anos, decidiu acabar coa súa vida. Trece razóns que deixou gravadas en cintas de casete e que lles fará chegar ás 13 persoas que, dalgún ou doutro xeito, axudaron a que tomase tan dura e drástica decisión. Tedes nas vosas mans as cintas de casete nas que Hannah explica todo o acontecido. Escoitade as cintas e descifrade este esquema para descubrir algunha desas razóns. Cando a teñades, escribídenola. E se queredes coñecer toda a historia, non deixedes de ler o libro! CASETE 1: CARA A____5ª letra da 4ª palabra CASETE 1: CARA B_________________________________ CASETE 2: CARA A____ 2ª letra da 2ª palabra CASETE 2: CARA B_________________________________ CASETE 3: CARA A____ 2ª letra da 4ª palabra CASETE 3: CARA B_________________________________ CASETE 4: CARA A____ 4ª letra da 2ª palabra CASETE 4: CARA B_________________________________ CASETE 5: CARA A___ 2ª letra da 2ª palabra CASETE 5: CARA B_________________________________ CASETE 6: CARA A_________________________________ CASETE 6: CARA B_________________________________ CASETE 7: CARA A_________________________________ Lembrade deixar todo tal cal o atopastes! 3. “Misterio-detectives”: O misterio, a intriga, a traxedia... son parte da vida humana e, mentres non nos toque en primeira persoa, atráennos como un imán, curioseamos, metemos o fuciño, creamos as nosas propias hipóteses fronte a un acontecemento estraño ou tráxico... A literatura está, como a vida, chea de intriga e misterio. E mesmo os libros policiais e detectivescos foron e seguen a ser un enorme éxito. Nesta parada ídesvos converter en detectives. Tedes diante vosa as pistas necesarias para saber quen matou a Ilda Sánchez. Contádenos tamén quen é cada unha das persoas sospeitosas. Só así poderedes continuar. Non importan as razóns do asasinato, só nos interesan as probas. E lembrade deixar todo tal cal o atopastes! 4. “Seres da literatura de tradición oral”: Moitos son os contos, lendas, historias... de tradición oral cos que aprendemos a escoitar, a ler e a imaxinar o mundo que habitamos. Mais neste mundo non só habitamos persoas, animais e plantas, ben o sabedes! O mundo está cheo de seres máxicos, seres que fan a nosa vida máis divertida, máis aterradora, máis misteriosa... Tedes á vosa disposición a descrición de sete destes seres máxicos que conviven con nós. Aínda que non se deixen ver decotío, tede por seguro que están máis preto de vós do que pensades. Buscádeos, colocádeos no seu correspondente lugar e unide a súa descrición coa súa imaxe. Cando o teñades, sacádelle unha foto e enviádenola. Só así poderedes continuar. E lembrade deixar todo tal cal o atopastes! PERSOAS DESTINATARIAS Club mozo do Centro Cívico de Conxo-Santiago de Compostela. Un grupo estable de 16 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos, que se reúnen todos os xoves durante o curso escolar e as mañás do mes de xullo para desenvolver unha chea de actividades culturais, creativas e de lecer. Capitaneados por Sara Vieites, dinamizadora xuvenil do Centro Cívico de Conxo (inserido na Rede de Centros Cívicos do Concello de Santiago de Compostela). Na actividade participaron 14 mozos/as en total, dos 16 que adoito participan no Club mozo. RESULTADOS A actividade saíu moi ben: a pesar de que non todos os equipos conseguiron resolver todos os desafíos con éxito e houbo que facer algunha modificación in situ dos itinerarios a seguir polos equipos, a misión xeral do xogo si foi resolta. Os comentarios máis repetidos foron: gostei da actividade; para a próxima podería ser máis difícil. As nosas conclusións: gostan de actividades lúdicas e participativas, de asumir desafíos e retos difíciles, do traballo en equipo e á vez de xeito competitivo (mais non competición); as probas relacionadas con obras literarias concretas si axudan a picarlles a curiosidade para seren leídas; gostan de interpretar relatos e ficcionar narrativas (proba do misterio); gostan de empregar TIC e ferramentas tecnolóxicas; non precisan de premios para activar a súa motivación. Posibles melloras de tipo técnico e organizativo: ter itinerarios alternativos ante posibles atrasos que evite ter que improvisar solucións no momento; engadir xeolocalizacións con GPS; contrasinais dos candados máis complexas; máis pensamento deductivo e acción. |